Wednesday 01 de May de 2024

As Fogueiras de San Xoán da Coruña inician o trámite para a súa declaración como Festa de Interese Turístico Internacional


A directora de Turismo de Galicia asistiu ao acto no que se fixo entrega ao alcalde da Coruña, Carlos Negreira, do expediente que inicia o procedemento

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu ao acto de entrega do expediente das Fogueiras de San Xoán da Coruña que inicia os trámites para a súa declaración como Festa de Interese Turístico Internacional.

Deste xeito, o Goberno local da Coruña levará ao próximo pleno de marzo a petición na que insta á Xunta de Galicia a realizar as xestións necesarias ante a Secretaría de Estado de Turismo para obter a dita declaración para a festa coruñesa máis multitudinaria.

Trátase dun proceso necesario, xa que este tipo de solicitudes deben estar acompañadas do acordo do pleno do municipio no que se celebre a festa e dun informe favorable da comunidade autónoma, que a súa vez deberá remitir a petición a Secretaría de Estado de Turismo, órgano que finalmente aproba ou rexeita a declaración.

O orixe, a antigüidade, o arraigamento da festa, a súa orixinalidade e a súa promoción no exterior son algúns dos requisitos esixidos para obter esta concesión e que deben ser argumentados e demostrados no expediente. Así mesmo, a festa candidata debe contar coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional dende os cinco anos inmediatamente anteriores á solicitude.

De conseguir a súa declaración, as Fogueiras de San Xoán da Coruña, uniríanse a outras sete festas galegas que contan coa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional: a Festividade do Apóstolo Santiago, o Festival de Ortigueira, a Rapa das Bestas de Sabucedo na Estrada, a Romaría Viquinga de Catoira e as Semanas Santas de Viveiro e Ferrol.

Unha noite máxica
As Fogueiras de San Xoán constitúen unha das festas mais máxicas de Galicia e se hai un lugar no que a noite de San Xoán se vive de xeito entusiasta, sen dubida, ese é A Coruña, onde a noite máis curta do ano vai precedida de toda unha semana de actos e preparativos.

Desde a mañá anúnciase a festa con desfile de bandas e carrozas de meigas para que a queima da fogueira volva ser un momento máxico e inigualable no calendario anual.

O olor das sardiñas asadas e do lume invade a cidade na noite do 23 de xuño debido as fogueiras que se alzan en numerosos puntos da cidade.

Son moi numerosas as persoas que participan neste culto ancestral ao lume co que se celebra a entrada do verán e que cumpren co rito de pedir desexos saltando sobre as chamas. Pero a fogueira máis concorrida é a que se alza na praia de Riazor, coa figura dunha bruxa de cartón pedra, arredor da que se satirizan sucesos da vida política e social vividos ao longo do ano, antes de lle prender lume.

Ata alí chegan en cabalgata a Meiga Maior, a Meiga Maior Infantil e as súas respectivas meigas de honra, que son as encargadas de acender a fogueira, nun espectáculo que ateiga as praias de Riazor e do Orzán, sementadas á súa vez de pequenas fogueiras de miles de cidadáns e turistas de todo o mundo.